A praia de Tanxil, no concello coruñés de Rianxo, recuperará en breve un dos seus símbolos máis recoñecibles. A escultura en pedra da Virxe de Guadalupe, creada polo recoñecido artista cambadés Francisco Asorey en 1932, volverá ao seu emprazamento orixinal na costa despois de case dúas décadas de ausencia.
A peza fora retirada en 2005 por motivos de seguridade, seguindo as indicacións da familia de Ángel Baltar, quen encargara a obra. Os desprendementos nos cantís da praia de Tanxil fixeron necesaria a súa retirada, pero o seu retorno atrasouse ata agora. A restauración, impulsada polo Concello de Rianxo tras un acordo coa familia Baltar, está practicamente finalizada.
O conservador e restaurador Gonzalo Buceta Brunetti foi o responsable de devolverlle o seu esplendor á escultura. Os traballos, que comezaron en marzo deste ano tras a chegada da peza ao taller o ano pasado, xa concluíron. Buceta explicou que a escultura, composta por dúas partes, xa está lista para ser montada no miradoiro da praia de Tanxil.
O estado da Virxe de Guadalupe era "francamente mellorable" debido á súa prolongada exposición á intemperie e a que "estivo moito tempo depositado nunha leira". As análises previas revelaron a presenza de sales, depósitos biolóxicos, liquees, musgos e algas, que requiriron unha limpeza coidadosa para respectar a pátina orixinal da peza.
Para a limpeza empregáronse materiais suaves como "cepillos de seda natural ou paus de laranxo", segundo sinalou o restaurador. O proceso tamén incluíu a reintegración cromática dos elementos cerámicos da coroa da virxe, elaborados en Cerámica Celta Gallega, e un tratamento biocida para previr a proliferación de microorganismos.
“"A restauración da peza está completa, pero, como a peza de Francisco Asorey é de dúas partes, pois falta montala."
A obra, que pesa case 3.000 quilos, destaca pola xenialidade de Asorey, especialmente visible no rostro da virxe, que Buceta describe como "unha cara hermosísima". O artista empregou unha técnica de drapeado con gradina para o manto e axustou as proporcións da imaxe pensando na súa visualización dende abaixo.
“"Todo o mundo se emocionaba moito ao vela, e a cara sobre todo. Todo o mundo se emociona ao ver a cara, é hermosísima"
A escultura ten unha gran importancia para os veciños de Rianxo, que lle profesan unha profunda devoción. Durante os traballos de restauración, moitas persoas achegábanse á peza para rezar, deixar donativos ou flores, demostrando o forte vínculo coa Virxe de Guadalupe.




