Esta decisión permitirá á empresa conserveira e pesqueira barbanzá case duplicar a súa produción de elaborados, precociñados e conxelados a base de peixe e outros produtos. O informe de impacto ambiental, emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, conclúe que non se esperan efectos significativos sobre a contorna, sempre que se cumpran os condicionantes establecidos.
O proceso de avaliación ambiental simplificada incluíu un período de participación pública, durante o cal non se recibiron alegacións, e consultáronse dez organismos interesados. Froito destas consultas, establecéronse os condicionantes que se engaden ao programa de vixilancia ambiental recollido na resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Segundo un comunicado da Xunta, as avaliacións indican que o proxecto non terá impactos significativos en áreas como a protección da atmosfera, a saúde, as augas, o solo, o patrimonio natural, a xestión de residuos, a integración paisaxística, a eficiencia enerxética e a redución da pegada de carbono. A viabilidade da iniciativa está supeditada ao cumprimento de todos os requisitos.
A ampliación de Congalsa prevé a incorporación das parcelas 16 e 17 ao seu centro produtivo, que actualmente ocupa as parcelas 13, 14 e 15 da área industrial. As novas instalacións, cunha superficie construída de máis de 6.200 metros cadrados, destinaranse á fabricación de alimentos rebozados e empanados.
Estímase que a capacidade máxima de produción de rebozados e empanados na nova sede será de 30.000 toneladas ao ano, o que, sumado ás liñas xa existentes, alcanzará un total de 55.000 toneladas anuais.




