A campaña, impulsada pola Federación de Comercio de Pontevedra, busca dar continuidade aos establecementos comerciais e subliña a importancia desta renovación para o conxunto da comunidade. O conselleiro destacou o paralelismo entre os valores do deporte de elite, representados pola triatleta Susana Rodríguez Gacio, protagonista da campaña, e a dedicación diaria das persoas comerciantes.
González sinalou que dar continuidade a un establecemento é unha vitoria non só para quen se xubila ou para quen asume o relevo, senón para o conxunto da comunidade, xa que o comercio local é fundamental para manter a actividade económica das vilas e cidades.
Neste sentido, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ofrece acompañamento a través da Rede de polos, con tres oficinas na provincia de Pontevedra, e da súa Bolsa de remuda, que facilita o contacto entre negocios que se traspasan e persoas interesadas en asumilos.
Este apoio complétase coas axudas do Bono Remuda, unha liña incluída na orde unificada de apoio ás persoas traballadoras autónomas e destinada a apoiar os procesos de transmisión empresarial.




