O programa, presentado hoxe no centro de saúde de Tomiño, busca consolidar hábitos de exercicio, mellorar a autonomía e fomentar as relacións sociais entre os participantes. A iniciativa nace da Mesa de Saúde de Tomiño, identificando o sedentarismo na poboación maior como unha necesidade clave.
Estruturado en tres etapas, o proxecto comeza cunha fase de cinco semanas de Fisioterapia Comunitaria, con exercicios de forza, equilibrio e marcha. Posteriormente, os participantes incorporaranse durante dez semanas a dous ximnasios adheridos, un en Tomiño e outro en Goián, onde realizarán exercicio multicompoñente baixo supervisión.
A terceira etapa inclúe andainas saudables semanais polas rutas da contorna, organizadas polo Concello. O consistorio financia a actividade nos ximnasios e comprométese á continuidade se os resultados son positivos, co obxectivo de crear un recurso comunitario estable.
O primeiro grupo, da zona de Goián, xa iniciou a fase de fisioterapia e comeza hoxe co ximnasio. O grupo de Tomiño comezará a fisioterapia o 19 de outubro. Prevénse a participación duns 20 maiores, distribuídos en dous grupos.
A Atención Primaria xoga un papel fundamental na identificación de candidatos, valorando o risco de caídas e a autonomía funcional. O programa tamén contempla sesións mensuais de educación para a saúde impartidas por profesionais da Área Sanitaria de Vigo.
O xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, destacou a importancia da colaboración entre o sistema sanitario e as administracións locais para achegar a prevención á vida cotiá. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou o obxectivo de que as persoas maiores sigan vivindo con autonomía e confianza, facilitando oportunidades para manterse activas e sociais.




