O Concello do Rosal avanza no seu programa de conservación e mellora da rede viaria municipal con catro novos proxectos que mobilizan un investimento de máis de 500.000 euros. Estas actuacións, financiadas con fondos municipais, provinciais e autonómicos, permitirán actuar en case 30.000 metros cadrados, o equivalente a máis de catro campos de fútbol, en diferentes puntos do municipio.
Dúas destas actuacións xa están licitadas e outra atópase en fase de licitación. O obxectivo é mellorar o firme, incrementar a seguridade viaria e facer máis cómodos os desprazamentos cotiáns da veciñanza. As intervencións inclúen o reforzo e renovación do pavimento, así como traballos previos de drenaxe, limpeza e acondicionamento para garantir a durabilidade das obras.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou que "seguimos investindo de maneira planificada na rede municipal de camiños, atendendo ás necesidades que detectamos e tamén ás que nos traslada directamente a veciñanza". Engadiu que "hai un traballo técnico importante para resolver previamente problemas e conseguir que a mellora sexa realmente duradeira".
Un exemplo dese traballo previo pode verse no Camiño do Esteiro en Pías, onde se acometeron labores de saneamento de redes de subministros antes de renovar a capa de rodaxe. O Concello considera fundamental abordar as causas da deterioración do pavimento para evitar limitarse a unha simple reposición superficial.
Entre os proxectos xa licitados atópase a adecuación do Camiño da Manga, en Fornelos, unha vía de elevado tráfico local que enlaza dúas estradas autonómicas e dá servizo a edificacións tradicionais e elementos patrimoniais. O firme e as cunetas presentaban un importante deterioro, segundo reclamacións da veciñanza.
A planificación municipal inclúe tamén o reforzo de firmes en varios viarios, cofinanciado polo Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, nas parroquias de Santa Mariña do Rosal, San Miguel de Tabagón e San Bartolomeu das Eiras. A finais de ano licitaranse melloras na parroquia de San Xoan de Tabagón.
Ademais, o Plan Vía Depo contemplará a mellora de camiños afectados polas inclemencias meteorolóxicas na parroquia de Santa Mariña do Rosal, actuando na rúa Callejón, Camiño Barbutín, rúa da Lomba, Camiño do Araúxo, Camiño Ponte do Pao e Camiño O Castañal.
A finais de ano completaranse estes procesos coa licitación dunha segunda fase de asfaltado e mellora en máis de 7.800 m2 de camiños por máis de 100.000 euros.
A alcaldesa subliñou que "manter en boas condicións os camiños é unha tarefa continua e require investimento, planificación e capacidade para captar recursos doutras administracións". O Concello comprométese a seguir traballando nesta liña, priorizando actuacións e buscando financiamento para chegar ao maior número posible de lugares.




