A iniciativa cultural, que chegará a 35 concellos da provincia, busca poñer en valor a Begoña Caamaño, homenaxeada este 2026 pola Real Academia Galega.
As sesións terán lugar ás 10:30 horas no CEIP A Sangriña da Garda, ás 12:00 horas no CEIP Pedro Caselles Beltrán de Tomiño e ás 18:00 horas na biblioteca municipal do Rosal. Cada contacontos inclúe a narración da biografía da autora, a creación dunha ilustración, interpretacións musicais e un debate posterior.
O evento rematará cun obradoiro de caricatura sobre a figura de Begoña Caamaño.
Begoña Caamaño desenvolveu gran parte da súa carreira na Radio Galega, nos servizos informativos e culturais, dirixindo programas como Andando a Terra ou Club Cultura, e destacando polo seu xornalismo comprometido coa realidade social galega.
Como escritora, acadou recoñecemento con novelas como Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012). Tamén destacou polo seu compromiso co feminismo, a lingua galega e os movementos sociais.




