A conselleira destacou a importancia de evitar as fugas de auga e eloxiou o feito de que O Porto do Son xa realizase unha auditoría da súa rede de abastecemento. Esta avaliación permite coñecer o estado real das infraestruturas, identificar deficiencias e planificar as accións necesarias para a súa corrección.
Ángeles Vázquez lembrou que Augas de Galicia convoca anualmente diversas liñas de axudas dirixidas aos concellos para acometer actuacións hidráulicas que contribúan á mellora das redes de abastecemento. Animou ao alcalde a solicitar estas subvencións, enfocadas en minimizar as perdas de auga.
Pola súa banda, o alcalde expuxo os proxectos municipais en marcha para optimizar o servizo. Estes inclúen o reforzo das captacións, a modernización dos sistemas de bombeo e das estacións de tratamento de auga potable, así como a dixitalización das instalacións. Tamén se presentaron propostas para incrementar a garantía do abastecemento, especialmente en situacións de seca ou escaseza.
A conselleira tamén informou sobre as iniciativas do Goberno galego para asegurar o subministro, como a exploración do potencial das augas subterráneas e a análise dos sistemas supramunicipais para avaliar a conveniencia de reforzalos ou crear novas interconexións que poidan ofrecer apoio en momentos de necesidade.




