A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou no acto de entrega de diplomas ás persoas participantes no Programa Integrado de Emprego (PIE) impulsado pola asociación Amicos entre o ano pasado e este. A iniciativa, apoiada pola Xunta cunha achega de 220.000 euros, beneficiou a 100 persoas desempregadas dos concellos de Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Noia, Porto do Son, Rianxo e Lousame.
A maioría dos participantes xa conseguiron incorporarse ao tecido produtivo da contorna, en sectores como o comercio, a loxística, a industria, o turismo ou a atención sociosanitaria. Zeltia Lado sinalou que esta acción é un exemplo da aposta do Goberno galego pola inserción laboral.
A directora xeral tamén aproveitou o acto para poñer en valor a futura orde de programas integrados de emprego para 2026-2027, que se publicará proximamente. Esta nova convocatoria contará cun orzamento de 11 millóns de euros para promover 50 PIE de 12 meses de duración, que se espera que beneficien a unhas 4.700 persoas sen traballo.
A iniciativa combina orientación, asesoramento, formación teórico-práctica e a posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas. Como novidade, reservarase 1 millón de euros para programas destinados a persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social, outros 2 millóns de euros para mulleres desempregadas e outros 2 millóns de euros para persoas maiores de 52 anos.
Ademais, Lado visitou as instalacións de Amicos en Boiro, coñecendo as accións formativas para persoas desempregadas en atención sociosanitaria e o Servizo de Orientación Laboral que a entidade presta en colaboración coa Xunta. Lembrou que o orzamento para estas accións formativas (AFD) se elevou este ano a 60 millóns de euros.




