O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, acompañado por membros do goberno local, recibiu hoxe á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, para presentar a nova senda na AC-550. Esta actuación permitirá conformar un itinerario seguro e continuo ao longo de 6 quilómetros no municipio.
A aprobación deste proxecto de trazado, que se publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia e que se financiará con fondos FEDER, contempla a habilitación de dous treitos principais de senda entre Linteiros e Quintáns. O primeiro tramo estenderase ao longo de máis dun quilómetro entre Linteiros e A Gafa, mentres que o segundo, de 2,3km, irá desde a zona urbana de Freixedo ata o tanatorio de Campo de Prado.
A senda terá 2 metros de ancho, salvo en puntos singulares. Sumada aos tramos xa existentes, conformará un itinerario seguro e cómodo para desprazamentos de veciños e visitantes ao longo de seis quilómetros desta estrada autonómica, desde o límite con Noia a Quintáns. A intervención tamén inclúe pasarelas sobre os ríos Hornanda e Quintáns, e a mellora da accesibilidade de 6 paradas de autobús, facilitando o acceso a praias como a das Gaivotas, as de Pozo e Langaño, e a de Aguieira.
O rexedor sonense agradeceu a disposición da Xunta para facer realidade esta actuación "tan demandada" que mellorará a seguridade peonil nunha estrada con elevada intensidade de tráfico.
A conselleira Allegue destacou que, tras a aprobación definitiva do proxecto de trazado, a Xunta avanza na supervisión do proxecto construtivo para a próxima licitación das obras este ano, cun prazo de execución de 14 meses. Unha vez rematada, sumada aos outros seis quilómetros xa executados polo Concello, serán un total de doce os quilómetros de traxecto seguro nesta estrada no municipio.
Esta actuación enmárcase na aposta da Xunta pola mobilidade sostible e saudable, priorizando a seguridade dos colectivos máis vulnerables nas estradas, os peóns. A execución destes itinerarios tamén contribúe a "embelecer os noso concellos", sinalou a conselleira.




