O Concello do Porto do Son avanza no seu compromiso de responder ás necesidades da veciñanza cun investimento de 1.455.253 euros. Esta partida destinarase a un conxunto de obras prioritarias co obxectivo de mellorar os servizos públicos e as infraestruturas municipais.
Desde o goberno municipal destacan que esta decisión responde a unha planificación económica responsable, que busca aproveitar a capacidade financeira do Concello para realizar investimentos que beneficien a poboación e atendan demandas históricas. Estas actuacións pretenden contribuír ao desenvolvemento equilibrado de todas as parroquias.
O plan de actuación inclúe a instalación de fosas sépticas en Basoñas (49.963 euros) e Seoanes (36.969 euros), así como proxectos de saneamento na parroquia de Queiruga (21.900 euros).
Tamén se renovará o parque infantil en Nebra (46.691 euros) e rehabilitarase a cuberta do consultorio en Portosín (23.884 euros) mediante un convenio coa Consellería de Sanidade. A Casa da Cultura de Caamaño recibirá 120.000 euros para a súa rehabilitación funcional.
O plan tamén contempla melloras na capa de rodadura en diferentes núcleos como A Igrexa (26.827 euros), Agrelo (46.597 euros e 38.542 euros), Agrelo-Noal (14.390 euros), Puilla (43.261 euros) e Portosín (16.033 euros). Ademais, proxectarase un muro de contención en Montemuíño por 48.383 euros.
A modernización e adecuación da Escola Infantil do Porto do Son suporá un investimento de 50.000 euros. A dirección das distintas obras e actuacións conta cunha partida de 15.686 euros.
A partir de setembro, licitaranse obras complementarias como o saneamento en Aguieira norte (227.915 euros), Foloña e Carantoña (320.233 euros), Laranga (118.391 euros), e Agrelo e Outeiro (82.8756 euros). Tamén se actuará en Parada.
Outras melloras inclúen a adecuación dos camiños rurais en O Loreto (56.712 euros) e a climatización do Centro de Día do Porto do Son (50.000 euros). Realizaranse tamén melloras na capa de rodadura en Carballosa, Caamaño e Cabanela, e reposición de servizos en Freixedo.
O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, destacou que este plan está adaptado ás necesidades da veciñanza e reforza o compromiso do goberno local coa mellora das infraestruturas, facilitando a mobilidade e a calidade de vida.




