A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá as obras da futura residencia para persoas con discapacidade en Outes. Estivo acompañada polo alcalde da localidade, Francisco Calo, e polo presidente da Asociación de Discapacitados da Bisbarra de Muros (Adisbismur), Ramón Sestayo.
García destacou que o investimento do Goberno galego, que ascende a 2 millóns de euros, "reflicte o compromiso da Xunta coa atención ás persoas con discapacidade". O novo centro transformarase no antigo colexio do Cruceiro de Roo, cedido polo Concello de Outes, e contará con 24 prazas residenciais. A conselleira tamén puxo en valor a traxectoria de Adisbismur, "con máis de 40 anos axudando a sentar as bases do que hoxe é a atención ás persoas con discapacidade".
Este novo recurso busca crear servizos de proximidade no rural para que as persoas con discapacidade poidan permanecer na súa contorna. A futura residencia complementará a rede de servizos de Adisbismur, que xa inclúe un centro ocupacional para medio cento de usuarios e un centro de día para unha vintena de persoas. A Xunta financia 49 prazas nestes centros cunha achega anual de 720.000 euros.




