Esta distinción, considerada unha das máis rigorosas no sector, avala aspectos fundamentais como a inocuidade dos alimentos, o control exhaustivo dos procesos, a trazabilidade dos produtos, unha xestión documental eficiente e a mellora continua. A fábrica lucense acadou unha notable puntuación de 97,29 na auditoría.
“"Este resultado é reflexo do traballo ben feito, do compromiso diario coa mellora continua e a calidade e, sobre todo, do valor das persoas que forman parte do Grupo Lence. É un fito que nos impulsa a seguir avanzando e a manter intacta a esixencia coa que traballamos cada día."
A empresa, de capital 100% galego e que o ano pasado celebrou o seu cincuentenario, subliña que a formación constante do seu persoal, o control minucioso dos procesos produtivos, o investimento en infraestruturas e o mantemento rigoroso dos equipos, xunto cunha cultura de seguridade alimentaria plenamente integrada, foron claves para acadar esta cualificación.
O Grupo Lence, un dos tres principais grupos lácteos de Galicia en recollida de leite e entre os oito primeiros a nivel nacional, conta con tres plantas de produción. Ademais de Ceao 2 en Lugo, posúe outra de envasado de Leche Río no mesmo polígono industrial e a de Leyma en Arteixo (A Coruña). A compañía facturou 284,77 millóns de euros en 2024, o que supuxo un incremento do 9,53% respecto ao ano anterior, e prevé case duplicar os seus ingresos ata superar os 500 millóns de euros para 2030.




