O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou a iniciativa Pasarela Stock, que se celebra na rúa Policarpo Sanz ata mañá. Alén destacou o labor dos centros comerciais abertos como Vigo Centro no fortalecemento dos negocios locais e na dinamización socioeconómica.
Subliñou tamén as axudas autonómicas destinadas a estas entidades. Na convocatoria deste ano, un total de 56 entidades de toda Galicia recibiron apoio por un valor de 2,35 millóns de euros, das cales 24 pertencen á provincia de Pontevedra.
No que respecta ao mercado organizado por Vigo Centro, Gabriel Alén resaltou as oportunidades que ofrece esta iniciativa. Os asistentes poderán atopar descontos en moda, lencería, calzado e outros produtos dos comercios da zona entre as 11:00 e as 21:00 horas.
Ademais, o evento inclúe música en directo e un desfile onde se presentará un avance das coleccións de outono-inverno dos establecementos participantes.




