O nomeamento de Arias prodúcese para cubrir a vacante xerada na Mesa do Parlamento pola marcha da anterior ocupante do posto, quen deixou o seu escano tras asumir a alcaldía de Lugo o pasado 7 de maio.
A nova vicepresidenta conta cunha dilatada traxectoria na política galega. Durante os seus 10 anos como parlamentaria, xa formou parte da Mesa exercendo como secretaria. Ademais, no seu currículo político destaca o seu paso polo Congreso dos Deputados, a súa etapa como delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo e a súa responsabilidade como alcaldesa de Sober.
Na mesma sesión plenaria, tomou posesión do seu escano o novo deputado José Luis Novo Teijeiro, quen se incorpora ao grupo parlamentario en substitución da anterior deputada lucense. Novo Teijeiro compaxina actualmente a súa actividade política co cargo de tenente de alcalde no concello de Rábade.




