O Concello de Castro de Rei tomou a decisión de pechar de forma temporal as piscinas municipais de Castro de Ribeiras de Lea despois de atopar restos fecais no vaso pequeno. A medida foi comunicada a mediodía deste mércores.
"Vémonos obrigados a pechar a actividade para dar cumprimento aos protocolos sanitarios e proceder á limpeza, desinfección e control, coa finalidade de garantir a salubridade das mesmas", explicou o Concello nun bando asinado polo rexedor, Francisco Balado, publicado nas redes sociais.
Segundo explicou o alcalde, os excrementos localizáronse no vaso pequeno, que está conectado ao grande. Polo momento, descoñécese se será necesario baleirar, limpar e encher ambos os vasos ou só un deles.
O peche é temporal e o alcalde sinalou que se descoñece o tempo exacto que levará a súa reapertura, aínda que se baralla a posibilidade de que poida ser o venres ou o sábado. Tamén se descoñece se a aparición dos excrementos foi intencionada.
Este non é un caso illado na provincia, xa que ao longo deste verán outras piscinas municipais tiveron que ser pechadas polo mesmo motivo. En Castroverde, a aparición de feces obrigou a clausurar tanto a piscina de adultos como a de nenos. Tamén se rexistraron problemas similares en Friol e Guitiriz.
Aínda que as razóns destes incidentes non se coñecen con certeza, o ano pasado fíxose viral o chamado "reto marrón", que animaba a defecar na auga e que provocou o peche de instalacións en todo o país, como sucedeu coas piscinas de Monterroso ou Quiroga.




