Este evento anual, organizado pola Asociación Corripa coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, transformará un ano máis o concello menos poboado de Galicia nun inesperado foco de divulgación científica. O obxectivo principal é achegar o coñecemento de primeiro nivel a un contorno rural, demostrando que a innovación non está restrinxida unicamente ao ámbito académico.
“"Algo estamos facendo ben desde o rural cando xente que dá charlas en Nova York quere vir aquí, a unha aldea de montaña, a dar unha charla."
Alberto Uría, vicepresidente de Corripa, subliña o crecente interese que xera esta iniciativa, destacando como o éxito do formato atrae a profesionais de renome internacional. O programa busca tamén romper coa idea preconcibida de que a investigación e a innovación só teñen cabida en espazos académicos, poñendo en valor a capacidade do rural para xerar coñecemento de calidade.
“"É un intento de que o rural escoite aos científicos, pero tamén é unha invitación para que os científicos escoiten ao rural, porque a xente do rural temos tamén moito que contar."
A edición deste ano coincide co Ano Internacional da Muller Agricultora e dos Pastizais e Pastores, polo que o programa se centrará no papel da muller rural, a gandería de montaña e a transhumancia. Abordarase como a gandería extensiva sostible é compatible coa biodiversidade e esencial para a conservación da paisaxe. Uría, quen investiga os polinizadores silvestres, defende que o paisaxe mosaico é fundamental para a riqueza da biodiversidade.
O programa inclúe mesas redondas sobre a industria alimentaria e a gandería extensiva, así como unha observación nocturna do ceo. Entre os temas científicos a tratar están os insectos coprófagos, a migración das aves, o cambio climático e o próximo eclipse de sol de agosto. O interese foi tal que as aproximadamente 60 prazas dispoñibles, de carácter gratuíto, esgotáronse case de inmediato tras a apertura do prazo de inscrición.




