A Xunta de Goberno Local aprobou este luns a declaración formal para que os ámbitos da Milagrosa e Feijoo sexan recoñecidos como Área de Rehabilitación Integral (ARI). Esta figura urbanística estratéxica permitirá mobilizar ata 13,58 millóns de euros, que se destinarán á rehabilitación de vivendas e á mellora de espazos públicos nestas zonas da cidade.
A proposta, que agora debe ser avaliada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), posibilitará que os propietarios reciban axudas directas por vivenda que oscilarán entre os 34.000 e os 50.500 euros. O plan de choque afecta a un total de 475 inmobles situados en 27 rúas dos dous barrios.
Dende o goberno local destacaron que o alcance desta declaración ARI é máis amplo que as convocatorias tradicionais de eficiencia enerxética. Inclúe subvencións para a instalación de ascensores, reformas en escaleiras, cubertas, fachadas, illamentos térmicos, calefacción, ventilación e a instalación de paneis fotovoltaicos. O Concello tamén organizará xuntanzas informativas para a veciñanza e os fondos poderanse executar ata o ano 2030. Este acordo desbloquea un expediente administrativo paralizado dende 2015.
A delimitación xeográfica da Milagrosa inclúe a contorna da Avenida da Coruña, Río Navia, Concepción Arenal e o eixo Camiño Real, Milagrosa e Mar Cantábrico, ademais de rúas como Curros Enríquez, Mallorca, Tui ou Lamas de Prado.
No barrio de Feijoo, o perímetro de actuación comprende vías como Río Cabe, Praza das Reboiras, San Lourenzo, Santo Antonio, Juana Ibarborou, Perpetuo Socorro, Alexandre Bóveda e Otero Pedrayo, entre outras.
Noutra orde de asuntos, aprobanouse a concesión de dez licenzas urbanísticas para reformas no casco urbano e rural. Tamén se acordou delegar no concelleiro do ramo a sinatura de licenzas de ata 300.000 euros para axilizar prazos. Outros acordos inclúen as obras de abastecemento de auga en San Martiño de Ombreiro, a prórroga do convenio para a vindeira estación intermodal, a adhesión á rede galega contra o acoso escolar e o inicio dunha operación de crédito para financiar investimentos estratéxicos do orzamento de 2026.




