O acordo, impulsado a través da FEGAMP e a Consellería de Educación, busca incrementar os espazos dispoñibles para clubs e entidades deportivas. Esta medida pretende aliviar a saturación das infraestruturas municipais permitindo o acceso a pistas escolares durante as tardes, fins de semana e períodos vacacionais, sempre respectando a actividade docente.
Así mesmo, o executivo local deu luz verde ao convenio para a rehabilitación da Protectora de Animais situada en Muxa. O proxecto conta cun orzamento de 744.436 euros, que será financiado de xeito conxunto polo Concello de Lugo, a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial. Prevese que as obras comecen este verán.
Por outra banda, adxudicouse o contrato para a xestión técnica e produción do Auditorio Fuxan os Ventos, o que permitirá garantir a súa apertura, a iluminación, o son e a programación cultural. O goberno local traballa tamén na ordenanza que regulará o funcionamento deste novo espazo.
Finalmente, o Concello manterá a vía administrativa para conservar o pantalán instalado no río Miño. A administración local defende a súa permanencia para evitar o impacto ambiental que suporía a súa montaxe e desmontaxe constante antes de cada proba deportiva, contando para iso coa autorización medioambiental da Xunta.




