O corpo policial lucense anunciou a posta en marcha de "controles sistemáticos" dirixidos ao uso de patinetes eléctricos na cidade. Esta iniciativa prodúcese despois de que os axentes completasen unha "formación especializada en vehículos de mobilidade persoal -VMP-", motivada polo incremento do seu uso e as situacións de risco asociadas.
Segundo informou a Policía Local, o obxectivo desta formación específica foi "dar resposta técnica e xurídica a un fenómeno que medrou de forma sostida nas rúas da cidade e que xera cada vez máis situacións de risco para os seus usuarios e para o resto de cidadáns". O curso foi impartido por Benito Souto Calviño, oficial da Unidade de Mobilidade e Transportes da Policía Local de Vigo, e abarcou dende os fundamentos normativos ata a aplicación práctica e o réxime sancionador.
Tras a conclusión deste proceso formativo, a Policía Local activará "de forma habitual e protocolizada dispositivos de control específicos sobre vehículos de mobilidade persoal en distintos puntos da cidade". As inspeccións centrarase tanto nos condutores como nos propios vehículos. Verificaranse aspectos como a ausencia de distraccións, o uso correcto dos espazos de circulación e o comportamento ao manillar, así como a presenza do certificado de circulación, a placa do fabricante, a inscrición no Rexistro Nacional de Vehículos, o seguro obrigatorio e o correcto funcionamento dos sistemas de iluminación e motorización.
A normativa vixente establece sancións que poden variar significativamente. O incumprimento dos requisitos técnicos do vehículo pode supoñer multas de entre 80 e 500 euros. Pola súa banda, os propietarios que non dispoñan do seguro de responsabilidade civil obrigatorio enfróntanse a sancións que oscilan entre os 100 e os 800 euros.




