O pleno da corporación municipal de Friol deu luz verde aos trámites necesarios para a construción dun novo espazo cultural. Este proxecto, que busca ser "de referencia" para o municipio, estará dedicado especificamente ao queixo típico da zona e ao pan de Ousá, dous produtos que se consolidaron como símbolos da gastronomía lucense e que levan o nome de Friol fóra das súas fronteiras.
As novas instalacións, que tamén albergarán a futura biblioteca municipal, contan cun orzamento total de 342.970,16 euros. Para a súa execución, o goberno local contará coa colaboración da Xunta de Galicia, que achegará 300.000 euros, mentres que o Concello asumirá o importe restante.
“"É un proxecto moi importante para Friol porque nace da vontade do Concello de seguir ampliando e mellorando a oferta cultural do municipio, ao mesmo tempo que poñemos en valor a nosa historia, as nosas tradicións e dos produtos que levan o nome de Friol por toda Galicia."
O alcalde, José Ángel Santos, destacou a importancia do proxecto para a oferta cultural e a posta en valor das tradicións locais. Tamén agradeceu o apoio da Xunta, sinalando que a "colaboración institucional é fundamental para que os concellos poidamos transformar proxectos en realidades".
En paralelo, estanse a impulsar as obras de abastecemento de auga na parroquia de Seixón, unha actuación "moi demandada pola veciñanza" cun custo de 622.557 euros. O Concello achega o 20% do total e a Xunta, a través de Augas de Galicia e no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, financiado pola Unión Europea, cobre o 80% restante.
Santos afirmou que o obxectivo é "seguir levando investimentos a todas as parroquias de Friol e mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas", garantindo un servizo de maior calidade para a poboación de Seixón.
Ambas as actuacións supoñen a mobilización de máis dun millón de euros en investimentos no municipio, incluíndo a execución das obras, a redacción técnica e a dirección das mesmas.




