A compañía anunciou a recuperación de oito verbenas tradicionais galegas, como parte da quinta edición do proxecto A Nosa Verbena, que a firma cervecera familiar desenvolve dende 2022 co obxectivo de rescatar celebracións populares en risco de extinción. As festas seleccionadas distribúense polas catro provincias galegas, e dúas delas terán lugar na provincia de Lugo: unha na comarca de A Mariña e outra na Ribeira Sacra.
As verbenas elixidas para 2026 inclúen San Pedro de Fiz de Xuances (Xove), San Roque de Gullade (Monforte), San Xoán do Coto (Oza Cesuras, A Coruña), San Pedro de Lantaño (Portas, Pontevedra), San Bieito de Grou (Lobios, Ourense), Santa Mariña de Pena Folenche (A Pobra de Trives, Ourense), Nosa Señora do Libramento de Rubiós (As Neves, Pontevedra) e Os Remedios-San Xosé da Carballeira (Nogueira de Ramuín, Ourense). Deste xeito, Lugo e Pontevedra acollerán dúas festas cada unha, mentres que Ourense será escenario de tres celebracións e A Coruña dunha.
A iniciativa duplicou o número de proxectos previstos inicialmente debido á gran acollida e á calidade das propostas presentadas polas comisións de festas. Esta decisión subliña o compromiso da cervecera coa preservación do patrimonio cultural inmaterial galego e co tecido social das zonas rurais.
Dende a súa posta en marcha en 2022, A Nosa Verbena xa logrou recuperar 21 verbenas en diferentes puntos de Galicia. O proxecto naceu coa finalidade de frear a desaparición destas celebracións populares, parte fundamental da identidade cultural galega, que moitas veces deixaban de celebrarse por falta de recursos, despoboamento ou perda de tradición.
“"Este ano vimos como a ilusión por recuperar as verbenas segue a medrar en cada edición. Cada proxecto seleccionado reflicte o esforzo de comunidades que non queren perder a súa identidade festiva e que volven facer das súas festas un punto de encontro imprescindible."
As verbenas son un elemento distintivo do verán galego e da vida social no rural, combinando elementos relixiosos con manifestacións populares como bailes, orquestas e actividades lúdicas. O despoboamento, o envellecemento demográfico e os cambios nos hábitos de ocio puxeron en risco a continuidade de moitas destas celebracións, un feito que o proxecto A Nosa Verbena busca contrarrestar con apoio económico e loxístico ás comisións de festas.




