Os representantes populares, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, basean a súa iniciativa en datos que revelan que de sete prazas existentes en abril, só dúas estaban cubertas, un panorama que empeora respecto a 2020 cando había oito efectivos.
Dende o PP consideran que esta situación evidencia un "abandono" dun servizo esencial que afecta a "miles de familias" na provincia, xerando "acumulación de expedientes, atrasos en citacións e resolucións que se prolongan durante meses", o que mantén a moitos cidadáns en "permanente incerteza".
Ademais, alertan de que a sobrecarga dos profesionais podería afectar a calidade das valoracións médicas e sinalan a preocupación pola situación dos traballadores declarados non aptos pero que non obteñen o recoñecemento dunha incapacidade.
Non estamos ante un problema administrativo menor, senón que é un "auténtico colapso" dun sistema do que dependen decisións que "condicionan a vida laboral, económica e persoal de moita xente".
Os senadores critican que o Goberno atribúa a situación ás xubilacións e ás "dificultades para captar profesionais médicos", recoñecendo así a súa incapacidade para cubrir as vacantes. Subliñan que "non é aceptable que o Executivo se limite a constatar o problema mentres os cidadáns seguen sufrindo as consecuencias", máis aínda cando "hai cinco vacantes sen cubrir sobre sete existentes".
Engaden que o Goberno admite non dispor de datos sobre a demora media dos expedientes de incapacidade permanente, o que, ao seu xuízo, fai "imposible" a planificación de reforzos de persoal.




