O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, visitou o CEIP Anexa da capital lucense na primeira xornada lectiva. Alí, preto de 460 alumnos e alumnas de Infantil e Primaria e uns 40 profesores retoman a actividade académica. No municipio de Lugo, o inicio do curso afecta a preto de 12.800 estudantes, mentres que na provincia a cifra total roza os 32.500.
Villares subliñou como principal novidade o incremento do profesorado e o reforzo das medidas de atención á diversidade. En Galicia, incorporaranse 900 docentes na etapa de Secundaria, dos cales 150 son especialistas en Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e Orientación. Ademais, os recursos de apoio ao alumnado e ás familias aumentaron un 25% nos últimos catro anos, cunha achega da Xunta de 145 millóns de euros para gastos de comedor, libros e material escolar.
A modernización da rede de centros públicos lucenses tamén foi destacada polo delegado. Durante o verán, executáronse 46 actuacións en colexios e institutos da provincia cun investimento de 3,5 millóns de euros. Entre os proxectos de maior envergadura atópanse a ampliación do IES Muralla Romana de Lugo (1,5 M€), a rehabilitación integral do CEIP San Miguel de Reinante de Barreiros (373.500 €), a reforma do pavillón do CEIP Veleiro-Docampo de Castro de Rei (case 470.000 €), a substitución de carpintarías e luminarias no CEIP Terra Chá de Vilalba (198.440 €) e o cambio de cuberta do IES Pedregal de Irimia de Meira (161.337 €).
Complementariamente, realizáronse outras obras de menor orzamento pero importantes para o bo funcionamento dos centros, como a substitución de fiestras, a renovación de caldeiras, a instalación ou acondicionamento de peches e diversas obras de conservación e mantemento.




