O goberno local de Lugo avanzou este luns que o aparcadoiro en superficie no polígono de O Ceao será a primeira obra do plan Novo Norte que se contrate. Este estacionamento ubicarase nos terreos que ocupaba o desmantelado parque de enerxías alternativas, que nunca chegou a funcionar correctamente.
O novo aparcadoiro, situado xunto á Avenida Benigno Rivera, a principal arteria do polígono, contará con 116 prazas, algunhas delas equipadas con cargadores eléctricos. A inversión prevista para esta actuación rolda os 400.000 euros.
Este anuncio coincidiu co acordo para a delegación de sinatura para a contratación dos proxectos deste plan, que se financia con fondos europeos. Esta medida busca axilizar a execución dos traballos.
A principios deste mes, o Concello presentou unha nova folla de ruta para o plan Novo Norte, co obxectivo de priorizar proxectos considerados necesarios, útiles e urxentes. A rexedora, Elena Candia, indicou que o goberno local busca ter o maior volume de investimento contratado antes do 31 de marzo de 2027, data do primeiro exame da UE, para poder optar a máis fondos ou evitar reducións na cantidade asignada.




