Esta declaración abre unha "oportunidade real para a transformación e revitalización" destes barrios, segundo destacou o delegado territorial do Goberno galego en Lugo, Alfonso Villares. A medida facilitará o acceso a liñas específicas de financiamento para actuacións de mellora tanto nas vivendas como no contorno urbano, co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas.
O ámbito da nova ARI comprende un total de 4.043 vivendas distribuídas en 1.025 edificios, dos cales 931 teñen uso residencial principal. A superficie total abrangue 25.797,14 metros cadrados, con 24.000,11 m² correspondentes ao barrio da Milagrosa e 1.797,03 m² ao barrio de Feijoo.
Os representantes autonómicos explicaron que o Concello de Lugo poderá optar a fondos para o financiamento destas actuacións unha vez que o Plan de Vivenda estea en execución. Permítense accións de rehabilitación que melloren a accesibilidade, seguridade, conservación ou eficiencia enerxética. As axudas poden alcanzar ata os 54.000 euros por vivenda para actuacións comúns en edificios (fachadas, cubertas, ascensores) e ata 25.000 euros para intervencións no interior das vivendas. Tamén se poderán utilizar fondos para a mellora de espazos públicos.
O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo sinalou que esta ARI suporá "un antes e un despois" para a zona, permitindo unha planificación ordenada das rehabilitacións e ofrecendo aos propietarios "a tranquilidade de saber que existen fondos" para programar as súas intervencións.
Esta é a terceira área de rehabilitación integral declarada no municipio de Lugo, sumándose ás xa existentes no conxunto histórico da cidade e no barrio do Sagrado Corazón. A nivel autonómico, a Xunta ten declaradas 81 ARIs municipais e 3 supramuniciapais en toda Galicia.




