A iniciativa, celebrada esta fin de semana, tivo como obxectivo a promoción internacional do Camiño Inglés e do Camiño Fisterra-Muxía. A feira, situada en Broad Street, espertou un considerable interese entre o público británico, que se achegou para coñecer a oferta cultural, paisaxística e gastronómica de Galicia e das súas rutas de peregrinación.
A experiencia foi enriquecida con música tradicional galega, contidos audiovisuais e demostracións culinarias a cargo do cociñeiro galego André Arzúa, creando un ambiente inmersivo arredor do Camiño.
“"A resposta do público en Reading confirma que o traballo de promoción que levamos anos desenvolvendo no Reino Unido está a dar resultados, cun incremento constante de peregrinos británicos no Camiño Inglés."
Fontes da organización destacaron a excelente acollida da iniciativa e o interese crecente do mercado británico por estas rutas. Subliñouse a importancia de continuar reforzando a presenza internacional dunha ruta con fortes lazos históricos co Reino Unido e cun perfil de visitante moi interesado na cultura, a historia e a identidade do territorio.
Estas accións forman parte da estratexia promocional do Xacobeo 2027 e desenvólvense en colaboración coa Xunta de Galicia e outras entidades, buscando consolidar o posicionamento internacional do Camiño Inglés nun dos seus principais mercados emisores.
A programación promocional continuará coa inauguración dunha nova mouteira do Camiño Inglés na cidade de Southampton, no entorno da igrexa de Holyrood. Este novo fito sinaliza o final do trazado do St James’ Way en territorio británico e a súa conexión con Galicia, reforzando o papel de Southampton como un dos principais portos históricos de saída de peregrinos cara a Santiago de Compostela e como porta de entrada internacional ao Camiño.




