O Centro de Educación Especial de A Barcia, en Santiago de Compostela, atende actualmente a uns 60 nenos e nenas con discapacidades severas que poden permanecer alí ata os 21 anos. Ao cumprir esta idade, moitos destes mozos, totalmente dependentes, enfróntanse a un futuro incerto ante a ausencia de centros residenciais públicos na cidade.
A vicepresidenta da ANPA do centro, Inés Castro Suárez-Pumariaga, describe esta situación como unha "nube escura" para as familias. "Chegan aos 21 anos e termínase. Entón, eles xa non poden ir ao colexio, e a pregunta é, e que pasa agora?", lamenta, subliñando a falta de recursos inmediatos tras finalizar a atención escolar.
“"Vemos que cando cumpren 21 anos, estes nenos quedan abandonados"
As listas de espera para centros residenciais especializados poden prolongarse entre 5 e 7 anos en Santiago. A alternativa de residencias privadas especializadas é inasumible para a maioría das familias, mentres que as residencias xeriátricas non están preparadas para atender as súas necesidades específicas.
A preocupación agrávase co envellecemento dos pais, que ven diminuída a súa capacidade para ofrecer coidados constantes. A isto súmase a recente situación no CEE de A Barcia, onde 12 alumnos tiveron que ser enviados a casa por baixas de enfermeiras, evidenciando a falta de persoal especializado.
“"É unha discriminación moi grande cara a un colectivo que xa de por si é discriminado"
As familias reclaman ás administracións solucións urxentes tanto para a falta de persoal como para a carencia de prazas residenciais e de día, defendendo o dereito dos seus fillos a unha educación e a un futuro digno como cidadáns de pleno dereito.




