O consistorio de Cedeira acolleu esta mañá unha nova reunión de traballo entre representantes municipais de Cedeira e Valdoviño e responsables da Confraría de Pescadores de Cedeira. As partes volveron sobre as reivindicacións do colectivo das mariscadoras, que atravesa unha situación sumamente grave pola ausencia de recurso.
A crise dos bancos marisqueiros da ría de Cedeira, que comezou en 2024, foi agravándose ata chegar a unha nula produtividade. A reclamación do colectivo, apoiada polos gobernos municipais de Cedeira e Valdoviño, céntrase en adoptar medidas para recuperar os bancos e dotar de futuro ao sector, ademais de requirir solucións inmediatas para garantir a viabilidade económica das mariscadoras.
Na reunión de traballo celebrada hoxe estiveron presentes os alcaldes de Cedeira e Valdoviño, Pablo Diego Moreda Gil e Alberto González Fernández; a primeira tenente de alcalde cedeiresa, María Xosé Pernas Díaz, e a concelleira Carmela Prieto. Tamén asistiron a vicepatrona segunda da Confraría de Pescadores e presidenta da agrupación de mariscadoras, Susana Bellón; a secretaria da agrupación, Raquel Ramos; a secretaria do pósito, María Rodríguez; e o patrón maior, Ricardo Villar.
Á reunión do día 12 en Santiago están convocadas as representantes do colectivo das mariscadoras da ría de Cedeira e da Confraría de Pescadores.




