As obras de construción dunha beirarrúa na rúa Álvaro Paradela, adxudicadas na súa primeira fase en preto de 172.000 euros, están actualmente en fase de execución. A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou que esta intervención permitirá garantir a seguridade nese tramo peonil, que carecía de beirarrúas e que soporta a diario unha considerable circulación de tráfico rodado e tamén de peatonal, debido en parte á súa ubicación fronte a un dos institutos da cidade.
Operarios da compañía adxudicataria traballan estes días na zona, localizada nos primeiros 200 metros da rúa Álvaro Paradela, dende o polígono das Lagoas, en dirección á estrada de Castela. O vial afectado polas obras permanece estes días con restricións ao tráfico rodado, permitíndose o paso unicamente das persoas que residen nesa zona, tal e como figura na sinalización.
As obras contemplan tamén as preinstalacións necesarias para as redes de subministro actualmente instaladas na zona ou que están pendentes de execución, así como a instalación dunha rede para a recollida de augas pluviais.
A alcaldesa Marián Ferreiro sinalou que "Continuamos traballando na mellora da accesibilidade das vías do termo municipal, destinando parte dos recursos a este tipo de traballos que consideramos moi necesarios e cos que nos comprometemos para ter unha cidade cada día máis accesible e segura".




