A intervención busca mellorar a seguridade e a accesibilidade nestas vías de titularidade municipal e dar resposta ás demandas trasladadas pola veciñanza. Os traballos inclúen o fresado do pavimento existente para regularizar a rasante, a limpeza das marxes e o estendido dunha nova capa de aglomerado en toda a superficie. Tamén se acondicionarán as entradas e se repoñerán os firmes, co obxectivo de mellorar a circulación e eliminar os desperfectos que presentaban estes camiños.
O proxecto conta cunha subvención da Xunta de Galicia destinada á mellora de camiños rurais de titularidade municipal. Xunto coa achega do Concello, supón un investimento próximo aos 70.000 euros.
“"Para o Goberno son tan importantes as grandes actuacións que están a transformar Poio como estas intervencións de proximidade, que inciden directamente na calidade de vida dos veciños e veciñas e na mellora do seu día a día."
O alcalde, Ángel Moldes, achegouse ata o lugar para coordinar o inicio das obras. Sinalou que o asfaltado responde a un compromiso adquirido coa veciñanza e destacou a importancia de atender as necesidades de cada zona. A intervención inclúe tamén a recuperación dunha fonte que, segundo trasladou a veciñanza, levaba máis de vinte anos sen funcionar. Para iso, repoñerase a tubaxe, co propósito de que a fonte volva ter auga e dar servizo.
Moldes destaca que este tipo de actuacións permiten dar prioridade ás propostas dos residentes e conservar en boas condicións a rede municipal de camiños.




