O Concello da Cañiza realizou este ano os traballos de mantemento e conservación do céspede artificial do campo de fútbol de Augas Férreas. O obxectivo é garantir unhas condicións óptimas de xogo e seguridade para todos os deportistas que utilizan esta instalación municipal.
A actuación, levada a cabo a finais de outubro pola empresa especializada Ginkgo Sports Turf & Gardens cun investimento de 1.331 euros, dá continuidade aos traballos que se desenvolven nesta infraestrutura dende a súa reforma integral en 2024. A finalidade é prolongar a vida útil do céspede artificial e asegurar o seu correcto estado.
Os traballos inclúen o descompactado, o cepillado e a distribución homoxénea do caucho, ademais da limpeza da superficie para retirar obxectos que poidan ocasionar lesións.
Para estas tarefas emprégase o TurfRob, un robot deseñado en Alemaña para o coidado de campos de céspede artificial, que funciona con GPS de alta precisión e baterías recargables, sendo un sistema eficiente e respectuoso co medio ambiente.
As súas funcións principais son o rastrillado e descompactado do caucho, o cepillado e enderezamento das fibras, a redistribución uniforme do caucho e o mantemento programable adaptado á intensidade de uso.
O Alcalde confirmou que a utilización deste sistema contribúe a manter un campo máis seguro e uniforme, reducir reparacións e optimizar o investimento realizado polo Concello en 2024, que ascendeu a 602.421,61 euros.




