Entre os acordos destacan catro licenzas de obra para reformas e legalizacións de vivendas en Paradela, Ludeiros e na rúa Licenciado Molina. Tamén se aprobou a rectificación dun acordo sobre unha licenza na rúa Boavista.
En materia de patrimonio, requiriuse a unha compañía aseguradora que indemnice ao Concello polos danos causados por un vehículo nun bolardo na rúa Samuel Eiján. Tamén se recoñeceu a obriga de pagamento dunha subvención de 56.287 euros para a rehabilitación dun inmoble en Seixalbo, dentro do Programa Axudas de Barrio, Next Generation EU.
En infraestruturas, declarouse aprobada a compensación en especie da empresa Viaqua ao Concello polos importes percibidos en concepto de amortización de investimentos entre xaneiro e decembro de 2026. A empresa executará a obra de eliminación de puntos de vertedura ao regato do Chis – Fase I, na rúa da Marquesa, cun orzamento de 249.996,69 euros.
Aprobouse unha relación de facturas de anos anteriores pendentes de tramitación e validáronse tres expedientes relativos a atribucións temporais de funcións en recursos humanos. En xuventude, deuse o visto e prace ao convenio coa Asociación Xuvenil Amencer para a subvención de 18.000 euros para o Campamento Urbano 2026.
No eido das artes e festexos, aprobouse o convenio co Liceo de Ourense para 2026, que inclúe unha subvención nominativa de 9.000 euros. En avogacía consistorial, deuse conta de tres sentenzas e o Concello foi emprazado en 11 procedementos xudiciais.
Fóra da orde do día, aprobouse a creación e regulación do Rexistro Municipal de Convenios do Concello de Ourense.




