A cita reunirá ata nove postos de apicultores que lucen o selo do concurso galego “Mel Cinco Estrelas”. A concelleira de Festas, Mar Gómez, presentou o evento xunto co responsable comarcal da Asociación Galega de Apicultura (AGA-Daga Ferrolterra), Rafael Díaz.
Mar Gómez destacou a importancia de chegar á edición número vinte e cinco, cualificándoa como unha oportunidade para coñecer a produción local e adquirir produto de proximidade.
Rafael Díaz explicou que todos os produtores participantes na feira de Narón obtiveron recoñecementos no certame “Mel Cinco estrelas”, onde se selecciona o mel máis premiado entre centos de apicultores galegos. Sinalou que a feira naronesa é a única á que acoden os apicultores galardoados.
Díaz tamén lembrou a longa traxectoria da feira e o bo nivel da formación que imparte a asociación, reflectido nos resultados do concurso. O ano pasado, dous dos seis meles premiados co «Mel Cinco Estrelas» foron de veciños de Narón, obtendo galardóns ao mel monofloral de érica e de eucalipto.
A feira abrirá ás 11:00 horas. Media hora despois, o percebeiro Xesús Outes Dasilva, da Confraría de Pescadores de Ferrol, impartirá o relatorio técnico “Vivencias dun percebeiro”. Ás 12:00 horas haberá unha demostración culinaria “Cociñando con mel”, seguida dunha degustación de produtos do mar pola Confraría ás 13:00 horas. A sesión vermú terá lugar de 13:00 a 14:00 horas, antes do peche para xantar (14:00-16:00).
A xornada da tarde comezará ás 17:00 horas cun relatorio sobre “Polinización e biodiversidade, a importancia das abellas”, a cargo de Rafael Díaz. Ás 17:30 horas celebrarase o magosto e, ás 18:00, a presentación e degustación dos meles gañadores do concurso “Mel Cinco Estrelas”.
Durante todo o día haberá obradoiros infantís, actividades divulgativas e exposicións de láminas didácticas. Tamén se sortearán cestos con produtos da feira e ofrecerase degustación gratuíta de pan e queixo do país con “Mel Cinco Estrelas” en diferentes horarios.




