A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), levará a cabo o sorteo das 48 vivendas que se están a construír nos edificios 1 e 2 deste barrio ferrolán, cun total de 24 fogares por cada parcela.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe as resolucións que inician este procedemento. Delas, 18 vivendas, o que supón o 40% do total, estarán reservadas para mozos menores de 36 anos.
O sorteo, que se realizará ante notario, está dirixido aos inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda para o concello de Ferrol como municipio preferente. Os requisitos inclúen residir ou traballar neste concello e acreditar ingresos ponderados por unidade familiar ou convivencial que oscilen entre 0,7 e 4 veces o índice público de renda de efectos múltiples (IPREM), ou 4,5 veces no caso de familias numerosas.
Tras o sorteo, publicarase unha lista provisional de adxudicatarios, abrindo un prazo de 10 días para posibles reclamacións. Posteriormente, emitirase a lista definitiva e concederase outro prazo de 10 días para a aceptación ou renuncia das vivendas.
Estas 48 vivendas forman parte dunha iniciativa máis ampla da Xunta neste barrio de Ferrol, onde xa se están a desenvolver un total de 353 vivendas de promoción pública en parcelas urbanizadas pola administración autonómica.




