A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, anunciou esta resolución durante unha visita ao club de baile deportivo Un Paso Adelante (UPA), unha das entidades beneficiarias desta orde da Secretaría Xeral para o Deporte.
Durante a súa visita, Aneiros coñeceu a actividade do club da man da súa directora, Sandra García, e das integrantes do grupo Revolution UPA, campións do mundo de danza coreográfica en categoría Youth nos anos 2024 e 2025. A delegada destacou o seu traballo polo deporte e o benestar, sinalando os seus logros como un escaparate do que Galicia pode ofrecer no ámbito da danza.
Esta convocatoria de axudas está dirixida a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e Núcleos de Adestramento Deportivo Especializado (NADE) que estean inscritos no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
A convocatoria contou cun orzamento total de 2 millóns de euros, que permitirán apoiar a máis de 1.420 entidades en toda Galicia. Entre os gastos subvencionables inclúense licenzas, seguros deportivos, inscricións en competicións, arbitraxes, adestradores/as, desprazamentos, manutención e aloxamento, material deportivo non inventariable, produtos de farmacia, aluguer de instalacións, e persoal de apoio ao rendemento.
Ademais, como xa se esixiu o ano pasado, as entidades solicitantes deben ter aprobado o ‘Protocolo de protección dos nenos, nenas e adolescentes fronte a violencia no deporte’ e designada unha persoa delegada de protección, debidamente inscrita no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, como parte do compromiso na loita contra a violencia.




