Tras o parón de verán, o circuíto de carreiras populares Coruña Corre retomou a súa actividade coa celebración da XIII edición da Volta a Oza. Un milleiro de persoas participaron esta mañá na proba, que percorreu os barrios dos Castros, O Castrillón e Eirís, cunha saída e chegada na contorna do parque de San Diego.
Jorge Sieira e Noa Mirantes proclamáronse gañadores da categoría absoluta. No apartado masculino, Sieira cruzou a liña de meta cun tempo de 21:53, seguido de Daniel Fuentes (22:20) e Alejandro Serrano (22:25). Na categoría feminina, Mirantes acadou a vitoria cun tempo de 25:56, mentres que Inés Papín (27:51) e Noelia Papín (28:03) completaron o podio.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, sinalou que a proba "evidencian a gran acollida do deporte popular na nosa cidade e o compromiso da Coruña coa práctica deportiva e cos hábitos de vida saudable".
A carreira absoluta, cun percorrido de 6.250 metros que combinou asfalto e terra, arrincou ás 10.00 horas desde o parque de San Diego, pasando por puntos como a avenida da Concordia e os parques de Eirís e Oza.
Posteriormente, celebráronse as carreiras das categorías inferiores, desde a sub-18 ata a categoría Peques. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, participaron na entrega de premios.
A Volta a Oza coincidiu coas festas populares do barrio, que se desenvolveron entre o venres 11 e este domingo 13 de setembro. O Concello apoia estas celebracións cun investimento de 500.000 euros para asociacións veciñais.
Esta proba completou a quinta das sete citas do XIII Circuíto de Carreiras Populares Coruña Corre 2026. O calendario continuará coa XII Carreira Popular do Ventorrillo (25 de outubro) e a XIV Carreira Popular de Novo Mesoiro (22 de novembro).




