O programa, desenvolvido coa colaboración da Deputación da Coruña, estará dirixido por Jose Rodríguez López, fundador da Escola de Defensa Persoal e Policial HKF e creador do Método ILESA, un sistema de seguridade e defensa persoal feminina deseñado especificamente para afrontar situacións reais.
Os seminarios celebraranse en Dumbría, o 19 de setembro; Vimianzo, o 3 de outubro; Valdoviño, o 10 de outubro; As Pontes, o 24 de outubro; Ribeira, o 7 de novembro; Padrón, o 14 de novembro; e Rianxo, o 5 de decembro.
As inscricións poderán realizarse a través do apartado de Deportes da páxina web da Deputación da Coruña ou directamente nos respectivos concellos.
Detectar, decidir, actuar e fuxir
A formación segue os principios do Método ILESA e vai moito máis alá da aprendizaxe de técnicas físicas. O seu obxectivo principal é que as participantes adquiran recursos para anticiparse ao perigo, reaccionar con determinación e crear unha oportunidade que lles permita abandonar o lugar, poñerse a salvo e pedir axuda.
O método estrutúrase arredor de catro accións fundamentais: detectar, decidir, actuar e fuxir. Durante as sesións trabállanse aspectos como a prevención, o control da distancia, a identificación de sinais de alerta, o establecemento de límites, a protección das zonas máis vulnerables, a liberación de agarres, os intentos de golpeo e o emprego de obxectos cotiáns como recursos de defensa.
“As técnicas deben ser sinxelas, naturais e efectivas, porque nunha situación real inflúen factores como o medo, o estrés, o bloqueo ou o efecto sorpresa. O obxectivo non é loitar nin vencer ao agresor, senón crear unha oportunidade para escapar e pedir axuda”, explica Jose Rodríguez López.
As actividades están adaptadas a mulleres sen experiencia previa e non requiren unhas condicións físicas especiais. A formación combina contidos teóricos, principios básicos de psicoloxía aplicada á seguridade persoal, exercicios prácticos e simulacións de situacións que poden producirse na vida diaria.
Un referente galego en seguridade e defensa persoal
Natural de As Pontes, Jose Rodríguez López conta cunha ampla traxectoria profesional no ámbito da seguridade, a formación e as artes marciais. Comezou a practicar kung fu aos 16 anos, é cinto negro de kung fu, e sexto dan en kempo karate, instrutor de Defensa Persoal Policial desde 1996 e fundador do sistema Hand Krav Fu, creado en 2009.
Ao longo da súa carreira formouse tamén como instrutor de Krav Maga Kapap, linea TML , preparador físico e deportivo, personal trainer e coach deportivo. No ámbito da seguridade privada, dispón das habilitacións de director e xefe de Seguridade, escolta privado e detective privado.
A súa traxectoria deportiva inclúe títulos como o de campión de España de semipesados, campión mundial de kata e subcampión mundial de Koshiki Karate-Do. En novembro de 2024 recibiu a Cruz ao Mérito Profesional de PSDI España en recoñecemento ao seu labor.
Jose Rodríguez López é tamén autor de “El arte de salir ilesa”, un libro especializado en seguridade persoal feminina que alcanzou o número un de vendas na categoría de Artes Marciais de Amazon. A obra aborda a prevención, a detección temperá do perigo e a toma de decisións como elementos esenciais para reducir o risco de sufrir unha agresión.
A preparación psicolóxica, unha parte esencial
Os seminarios incorporan igualmente pautas psicolóxicas para comprender as reaccións que pode provocar o medo. Paralizarse, correr, berrar ou reaccionar fisicamente son respostas naturais ante unha situación de ameaza.
A formación pretende que as participantes aprendan a identificar esas reaccións e a utilizar o medo como un mecanismo de alerta que lles permita aumentar a atención, avaliar o risco e tomar decisións.
“Se te defendes, podes perder; pero, se non fas nada, xa estás perdida”, é unha das reflexións empregadas durante as sesións para transmitir a importancia de actuar con decisión cando non exista outra alternativa.
Baixo o lema “máxima eficacia, mínimo tempo e mínimo risco”, esta quinta edición aspira a achegar unha formación útil e realista a mulleres de diferentes idades e concellos, reforzando a súa seguridade, autonomía e capacidade de reacción.




