Os socorristas da praia de San Xurxo, en Ferrol, lograron rescatar unha persoa que estaba a ser arrastrada pola corrente. Os feitos ocorreron sobre as 18:20 horas deste mércores.
A alerta chegou á central de emerxencias do 112 Galicia a través dun particular que informou da situación. A partir desa chamada, activouse un dispositivo que incluíu ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Salvamento Marítimo, o Servizo de Gardacostas de Galicia, a Policía Local e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ferrol.
Finalmente, foron os propios socorristas da praia os encargados de sacar á persoa implicada da auga. Tras o rescate, a vítima foi atendida e evacuada polo persoal sanitario, mantendo a consciencia en todo momento.




