A infraestrutura, posta en marcha pola Fundación Amancio Ortega, foi entregada á Xunta hai meses. O deputado autonómico Mon Fernández anunciou a entrega das sinaturas á entrada do organismo autonómico, acompañado por traballadores da residencia pública de Caranza.
Fernández subliñou que a demanda se apoia en dous piares: "os dereitos das persoas usuarias, a súa dignidade, calidade de vida e calidade dos servizos; e as condicións de traballo do persoal". Engadiu que a diferenza entre a residencia 100% pública de Caranza e as privadas "nótase no día a día: desde a calidade da comida ata os servizos sanitarios e de lecer". Citou como exemplo extremo a pandemia, onde "na residencia de Caranza non houbo que lamentar ningunha morte por covid", a diferenza do ocorrido nas privadas.
O representante do BNG tamén criticou a actitude da conselleira de Política Social, Fabiola García, ante as reivindicacións laborais do sector. "As traballadoras levan anos loitando por un convenio digno, e a Xunta, como principal contratista, podería condicionar esa negociación a seu favor, pero atopáronse con silencio e desprezo", apuntou. Denunciou o modelo de "institucionalizar a precariedade" e de "faltar ao respecto ao traballo feminino", maioritario nestes centros.




