A programación de outono inclúe catro encontros que combinan narración oral, teatro e monicreques. As sesións terán lugar os mércores 30 de setembro, 14 de outubro, 11 e 25 de novembro, ás 17:00 horas, no Centro Cívico Social de San Xiao.
A primeira cita será o 30 de setembro coa compañía A Xanela do Maxín e o seu espectáculo "Os libros da titiriteira", unha proposta que fusiona monicreques e contacontos a través de grandes libros con pequenas historias. O 14 de outubro, a narradora Charo Pita presentará "Colorín, colorete", un percorrido por contos e cantigas deseñado especificamente para a faixa de idade de 0 a 3 anos.
En novembro, o día 11, a compañía As dos Contiños achegará "A loba Antea", un espectáculo de música, narración e monicreques centrado na amizade e a concienciación ambiental, coa loba gardiá do monte do Viso e a nena Sarela como protagonistas. A clausura será o 25 de novembro con Calavera Teatro e a súa obra "Animaladas", onde a exploradora Jeanne Baret guiará ao público nunha viaxe pola selva Pitiminí.
Todas estas actividades son de acceso gratuíto, pero requiren inscrición previa. Os interesados deben enviar un correo electrónico a a.pita@naron.gal, especificando o nome da actividade desexada, o nome e idade do neno ou nena, o nome do acompañante, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto.
Para máis detalles sobre o programa, pódese consultar a páxina web de Apego (www.apego.gal) ou a sección de actividades do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón (www.naronengalego.gal).




