A Mancomunidade e Augas de Galicia avanzan na coordinación conxunta para garantir o abastecemento de auga á comarca, nun contexto marcado pola ausencia prolongada de precipitacións e polo descenso das reservas do encoro de As Forcadas, que se atopa ao 40,08 % da súa capacidade.
A reunión, celebrada na casa consistorial de Ferrol co director de Augas de Galicia, Roi Fernández, analizou a situación actual, as melloras futuras no abastecemento comarcal e o estado da tubaxe fundamental para o subministro aos municipios de Fene, Ares e Mugardos.
Segundo os datos analizados, o encoro de As Forcadas ten almacenados aproximadamente 3,96 hectómetros cúbicos. As tomas superiores da presa seguen operativas e a auga tratada na ETAP de Catabois é apta para o consumo. Se non se incrementan as precipitacións antes do 26 de outubro, o encoro podería situarse no 26,81 %, o que obrigaría a abrir condutos inferiores.
Ante a situación de prealerta, os concellos da Mancomunidade e Emafesa xa adoptaron medidas preventivas dende xullo, como a redución de regos e baldeos, o corte de fontes ornamentais e a petición á cidadanía para reducir consumos non imprescindibles. Estas medidas xa reduciron o consumo global en aproximadamente 14.000 metros cúbicos.
Acordouse iniciar un estudo mancomunado para incrementar a captación de auga e estudar outras posibilidades que alivien a presión sobre o encoro e as perdas de auga nos concellos.
Tamén se avanzou na situación da tubaxe da ponte de As Pías, que presenta perdas dende hai oito anos debido a unha fuga na válvula de baleirado e corrosión. Proponse un financiamento compartido entre Augas de Galicia e a Deputación da Coruña, que xa trasladou a súa disposición a participar.
O seguinte paso será presentar formalmente a proposta ao presidente da Deputación da Coruña para solicitar a súa incorporación e participación no financiamento.




