O informe de impacto ambiental, publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 1 de xuño, foi promovido pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. A instalación ocupará unha superficie de 12,89 hectáreas dentro do recinto portuario e contará con 36.000 módulos fotovoltaicos cunha potencia pico conxunta de 19,79 MW.
A enerxía producida destinarase ao autoconsumo das infraestruturas portuarias, co obxectivo de reducir a dependencia de combustibles fósiles e mellorar a eficiencia enerxética. O proxecto tramitouse mediante unha avaliación de impacto ambiental simplificada, tras analizar as alegacións e consultas a diversos organismos, incluíndo Patrimonio Cultural, Augas de Galicia e o propio Concello de Ferrol.
O principal desafío ambiental identificado é a proximidade á zona protexida Rede Natura 2000 ZEC Costa Ártabra. Os estudos realizados, que incluíron seguimento de avifauna e quirópteros, confirmaron a presenza de hábitats de interese comunitario, aínda que xa moi degradados pola construción previa do porto. Non se prevé unha ocupación directa da ZEC nin afeccións significativas a especies protexidas como o escribano mariño lusitánico ou a lontra.




