O recinto feiral de Silleda convértese un ano máis no punto de encontro da calidade agroalimentaria galega coa celebración do Turexpo. Neste marco, a cofradía de Ferrol, a través do GALP Golfo Ártabro Norte, está a dar a coñecer as posibilidades da ameixa rubia, un produto emblemático da ría ferrolá.
O cociñeiro Antonio Botana, do restaurante Ramonita de Ribadeo, foi o encargado de deseñar e preparar tres propostas gastronómicas que captaron a atención do público asistente. Entre elas, destacaron un prato da ameixa rubia preparado "ao xeito de Cambados", unha ensalada con allos porros cociñados a baixa temperatura e unha terceira opción de ameixa rubia con brócoli en texturas e allo negro.
A xornada do venres continuou coas preparacións na zona de showcooking, que terá continuidade hoxe sábado a partir das 12.00 horas. Os visitantes terán a oportunidade de degustar tamén minitostas de pastel de cabracho e ceviche de peixe.
“"É fundamental pór en valor a calidade do produto de aquí, do que extraen os nosos socios, especialmente en tempos de crise produtiva."
O patrón maior da entidade, Gustavo Chacartegui, subliñou a relevancia de participar en eventos como este, que son posibles grazas á implicación do GALP Golfo Ártabro Norte. Tamén recalcou a necesidade de destacar a calidade dos produtos locais fronte a outras opcións, unha mensaxe clave nun contexto de dificultades produtivas para o sector.




