A Deputación da Coruña deu por rematadas dúas intervencións en Ares e Valdoviño co obxectivo de pór en valor o patrimonio militar da zona. Estes proxectos contaron cunha achega conxunta de 434.000 euros, financiados a través de fondos Next Generation.
Estas actuacións forman parte do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino denominado "Casco histórico de Ferrol e patrimonio militar da Costa Ártabra". O vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e a deputada Cristina García, visitaron as obras para coñecer os detalles.
As intervencións inclúen a mellora dos accesos e da mobilidade ciclista nas baterías militares. Unha parte significativa do investimento, uns 300.000 euros, destinouse á mellora da comunicación viaria entre o Castelo da Palma e as baterías militares de costa. Ademais, creáronse camiños ciclables na emblemática batería de Campelo, cun orzamento de 134.000 euros.




