A xornada comezará ás 11.30 h na Casa do Concello coa presentación do TradFest, un evento enmarcado nas Festas do Apóstolo. Na rolda de prensa participará a concelleira de Festas, Pilar Lueiro, xunto ao comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez; o músico Xosé Manuel Budiño; Ignacio Carballo, delegado en Santiago de La Voz de Galicia; e Vítor Belho, director de Nordesía.
Ás 14.00 h, na Casa do Concello (Salón Nobre), a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presidirá unha recepción á familia do fundador da Biblioteca América, Gumersindo Busto.
Pola tarde, de 19.30 a 22.30 h, o Observatorio Astronómico Ramón María Aller acollerá unha nova sesión do Observatorio de ideas e textos de literatura e astronomía. Este obradoiro, promovido pola AELGA e conducido por Estíbaliz Espinosa, busca explorar as conexións entre a ciencia e a literatura a través da lectura, a música e o debate, no contexto do ano da eclipse total en Galicia. As prazas para esta actividade xa se atopan esgotadas.
Como parte das Festas do Apóstolo, ás 20.00 h terá lugar un concerto da Real Filharmonía de Galicia na emblemática praza da Quintana. Baixo a dirección de Baldur Brönnimann, a orquestra interpretará un programa sorpresa que incluirá a participación da soprano Lada Bockova. O acceso será libre ata completar a capacidade.
A programación completa das Festas do Apóstolo está dispoñible para consulta.




