Estas catro vivendas, que quedaron vacantes en segundas adxudicacións, foron rehabilitadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo para ser novamente postas a disposición de demandantes de vivenda. Tres delas contan con tres dormitorios e 82,42 metros cadrados, mentres que a cuarta dispón de catro dormitorios e 87,5 metros cadrados. Todas inclúen praza de garaxe e rocho.
As adxudicacións realizáronse mediante sorteo entre a lista de demandantes de vivenda protexida na cidade. Belén do Campo subliñou que facilitar o acceso á vivenda é unha prioridade para o Goberno galego, a través de axudas para adquisición ou alugueiro de inmobles do parque público.
A delegada destacou a Estratexia do impulso da vivenda protexida en Galicia, que busca duplicar o parque público residencial ata as 8.000 vivendas en 2028. Esta estratexia amplía o límite de ingresos para acceder a estes recursos, fixándoo en catro veces o IPREM (4,5 para familias numerosas).
As persoas interesadas en futuras adxudicacións deben estar inscritas no Rexistro Único de Demandantes, un trámite que se pode realizar de forma presencial ou a través da sede electrónica da Xunta. As listaxes determínanse por sorteo ante notario.
Belén do Campo recalcou o compromiso da Xunta de duplicar o parque público residencial e defendeu o acceso á vivenda como un dereito fundamental, incidindo na importancia da construción e rehabilitación de nova vivenda, tanto por promoción directa da Administración como mediante colaboración público-privada.




