A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou a sentenza que impón seis meses de prisión a un individuo por un delito de furto. O condenado aproveitou un contrato verbal de aluguer para apropiarse de 16 obras de arte de artistas galegos e un pasador de gravata de ouro, propiedade da familia da dona do inmoble.
Os feitos, que o alto tribunal galego mantén intactos, ocorreron entre outubro de 2020 e marzo de 2021. Durante este período, o acusado residiu nun piso de Ferrol e, "con intención de lograr un enriquecemento ilícito", foi retirando as obras de arte da vivenda, as cales non estaban incluídas no acordo de arrendamento.
Entre as pezas subtraídas, valoradas en 8.200 euros (agás un Bodegón con jarra y frutas cuxo valor se determinará en execución de sentenza), atópanse obras de autores como Antonio García Patiño, José González Collado ou Ricardo Segura Torrella. A sentenza tamén considera probado que o condenado vendeu por 45 euros o pasador de gravata de ouro.
A defensa do condenado alegou unha vulneración da presunción de inocencia, argumentando que a condena se baseaba en meras hipóteses. Con todo, o tribunal avalou a validez da proba indiciaria, destacando a residencia do acusado no piso, a preexistencia e tasación dos cadros, a súa desaparición tras abandonar a vivenda, o testemuño de que foi visto portando un paquete similar ao envoltorio dun cadro, e a confesión da venda do pasador de gravata.
Ademais, a Sala rexeitou aplicar a atenuante de dilacións indebidas solicitada pola defensa, considerando que o prazo de case catro anos desde a primeira declaración xudicial foi "diligente e moderado". Contra esta resolución, o condenado aínda pode interpoñer recurso de casación ante o Tribunal Supremo.




