O encontro serviu para que a delegada coñecese de primeira man o proxecto elaborado pola entidade eclesiástica, que busca a posta en valor e conservación deste importante enclave relixioso e cultural.
O santuario de Santo André de Teixido é o segundo centro de peregrinación máis importante da Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais do seu valor relixioso, destaca polo seu emprazamento privilexiado na serra da Capelada, sobre uns acantilados de 600 metros de altura, converténdoo nun punto de referencia para o turismo cultural e de natureza.
Segundo datos da Diócese, o santuario recibe preto de 100.000 visitantes anualmente. O borrador do plan director subliña a necesidade de adaptar o contorno para garantir a conservación do patrimonio ante este importante volume de público.
Nesta xuntanza tamén participou o director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez. A reunión enmárcase dentro dos contactos habituais que a delegada da Xunta mantén con diferentes axentes e entidades territoriais para escoitar as súas demandas e promover proxectos comúns.




