O pleno do Concello de Cedeira aprobou onte, en sesión extraordinaria, solicitar á Deputación da Coruña unha subvención para soster a actividade do Club Natación Cedeira durante o peche da piscina municipal. A proposta, que abrangue un proxecto deportivo dun ano de duración ata o terceiro trimestre de 2027, ten un custo total de 48.780€.
A memoria xustificativa explica que, debido ao peche da piscina municipal polas obras de ampliación, os deportistas do club desprazanse diariamente a Cariño para adestrar, o que xa xerou baixas na entidade e un recorte de ingresos.
A axuda solicitada á Deputación cubriría o 80% do proxecto (39.024€), mentres que o 20% restante (9.756€) sería achegado polo propio concello. O proxecto inclúe salarios de adestradores, aluguer de furgoneta para desprazamentos, custos de competicións, aluguer da piscina de Cariño e pago de licenzas.
No mesmo pleno, realizouse o sorteo das mesas electorais para os comicios do 29 de novembro e aprobouse a incorporación de 242.604,41€ procedentes da achega provincial do POS+AD 4/2026 ao capítulo de gastos correntes.




