O acto, celebrado no día do nacemento do doutor, contou coa presenza da alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, xunto coas concelleiras Mónica González Conde, Ángela Troitiño e Estefanía Taín. A placa descuberta busca perpetuar o recordo dun dos veciños máis destacados do municipio no século XX pola súa traxectoria profesional e científica.
José María Fernández Colmeiro naceu na parroquia da Toxa, en Silleda, o 21 de setembro de 1898. A súa vida levouno a emigrar a Montevideo na mocidade, onde estudou Medicina e comezou unha notable carreira. O seu compromiso coa República e as consecuencias da Guerra Civil marcárono, levando o seu exilio posterior a Francia, onde desenvolveu gran parte da súa actividade médica e investigadora en París, especialmente na oncoloxía, chegando a vincularse á Fundación Curie.
Coa instalación desta placa, que inclúe un Código QR coa traxectoria completa de Fernández Colmeiro, o Concello de Silleda busca recuperar e divulgar a figura deste médico e investigador, achegando a súa historia ás novas xeracións. Esta iniciativa forma parte do programa municipal de Memoria Democrática.
O programa de Memoria Democrática xa iniciou o pasado 12 de setembro co Roteiro do Siñor Afranio, centrado en Antón Alonso Ríos, e continuará o 2 de outubro co recoñecemento a Teófilo del Valle. O obxectivo é recuperar figuras vencelladas ao municipio e valorar as súas traxectorias persoais, profesionais e humanas como parte da memoria colectiva de Silleda.
Ademais, o Concello iniciará os trámites para que o Centro de saúde de Silleda leve oficialmente o nome do doutor nado na aldea da Toxa, unha proposta xa acordada previamente polo Pleno do Concello.




